Certamente non se pode falar da obra desta autora sen advertir a súa admiración pola creación e a filosofía de Chillida. A levidade que imprimía o escultor ás súas pezas e o misticismo que as infundía provocaron unha afectación consentida, na que, como ocorre no discurso do creador vasco, non se contempla o baleiro emocional separado do sensorial. Emocións e sentidos van da man, enténdense perfilando un universo plástico orixinal. Para chegar ata aquí, Berta Ares tivo que percorrer un camiño punteado polos encontros coa pintura e, aínda que menos, tamén co gravado.

Paso a paso, o seu traballo foise conformando cunha clara vontade de sintetizar, de afastarse do superfluo desposuíndose do sobrante e de evitar, ao mesmo tempo, todo tipo de efectismos, un traballo que catalizou as súas enerxías cara unha linguaxe delicada que cada vez, aínda que lentamente, se aproxima máis ó minimalismo.

A identidade desta aposta parte de motivos comprometidos: a orixe da vida -eses niños enmarañados que centran algunhas das súas composicións-, mesmo un compromiso cos conflitos da propia vida, coas súas contradicións e os seus paradoxos, cos medos e querenzas persoais. Todo se acaba depositando nun dominio plástico alentado por unha estética aloumiñada, afortunadamente aínda sosegada, que somete o espazo á súa representación.

Zambrano preguntábase pola diferenza entre os corpos non bañados pola luz e os corpos alixeirados por ela. Nestas pezas, en efecto, a luz baña, matizando os perfís, empapando os materiais, acariñando cada tramo do tecido e provocando a detención do tempo... Levidade e misticismo, aquelas proclamas plásticas de Chillida, adquiren unha nova dimensión nestas mensaxes visuais, ricas en metáforas.

Berta Ares non quixo baixarse do tren no que conflúe a arte e a poesía, e con estas pezas translúcidas construíu o seu propio universo, unterritorio entre o laconismo do esencial e a calidez silenciosa dos materiais, intimista, sereno e tamén próximo.

Mercés Rozas

DE TODA LUZ Copyright © BERTA ARES Aviso Legal